Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional

Escola Municipal de Música
Folk e Tradicional.
Concello de Vigo.

ETRAD ETRAD ETRAD

A ETRAD. Razón de ser

O Concello de Vigo, a través do Servizo de Educación pon en marcha no 2009 a Escola Municipal de Música Folk e Tradicional (ETRAD), unha iniciativa innovadora proxectada para a protección, ensino e difusión da música patrimonial galega, na procura da súa evolución e mestura coas formas contemporáneas do folk urbano. A ETRAD correspóndese coas novas tendencias integradoras da educación musical que amplían a visión da música cara a unha concepción global, co selo propio da música de tradición oral.

Dende esta óptica, a ETRAD é unha plataforma educativa de carácter municipal que ten por obxectivos tanto o acceso universal á música por parte da cidadanía, sexa cal sexa o nivel de coñecementos do que parte, ata unha formación musical orientada a saídas profesionais no ámbito escénico e educativo.

A ETRAD. As orixes

Dirixida polo recoñecido músico Rodrigo Romaní, a escola recolle o coñecemento e a experiencia acumulados polo Conservatorio de Música Tradicional de Vigo, o primeiro destas características creado en Galicia e vixente dende 1996 ata 2007. Os últimos anos baixo o nome de Departamento de Música Tradicional da Escola Municipal de Artes do Concello de Vigo.

A ETRAD. O ensino

Mestres, instrumentos, itinerarios, edades.

A escola conta con 10 mestres de contrastada traxectoria no panorama pedagóxico e escénico que imparten 9 especialidades instrumentais: Arpa Céltica, Acordeón Diatónico, Canto Popular, Corda Pulsada, Gaita, Percusión Galega, Requinta, Violín e Zanfona. O plan de estudos da ETRAD busca satisfacer a maior diversidade posible na demanda con dous itinerarios diferentes e complementarios ao tempo. O primeiro pensado para quen comeza dende cero. O segundo para quen procura unha formación musical con alcance profesional no plano escénico e no eido do ensino da música folk e patrimonial.

A ETRAD. En Europa

A ETRAD está en Europa como membro fundador da ENFO (European Network of Folk Orquestras) que conta como socios coa Sibelius Academy de Helsinki, a Asociación TRADALP de Turín, a Royal Scotish Academy of Music and Drama e a Fundación SonDeSeu. A ENFO busca a mellora das experiencias de cada un dos socios a través dunha alianza que propicia un modelo no que o intercambio no eido escénico e educativo como motor fundamental da súa razón de ser.

A ETRAD TEN ORQUESTRA. SONDESEU

No seo da escola ve a luz no ano 2001 a Orquestra Folk SondeSeu. Dirixida por Rodrigo Romaní e coa achega dos mestres da ETRAD, SDS está composta por 60 músicos formados na súa meirande parte no propio centro, constituíndo a primeira orquestra folk destas característica formadas na península e unha das pioneiras a nivel europeo. SonDeSeu leva publicados cinco Cds.“Beiralúa”, o último saíu publicado en maio do 2018. Teñen visitado os escenarios de cidades como Helsinki, Glasgow, Lorient, Lisboa, Cork, Madrid, Ibiza, Oporto, e lugares e festivais de Italia, Francia, Escocia, Irlanda, Finlandia, resto de España, Portugal, e por suposto, os de Galicia.

Regulamento das Escolas de música

A Lei Orgánica 1/1990, do 3 de outubro, da ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), estableceu un cambio esencial para as ensinanzas artísticas. O artigo 39.5 desta lei establece que poderán cursarse en escolas específicas, sen limitación de idade, estudios de música que non conducirán á obtención de títulos con validez académica e profesional.

Posteriormente a Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, da Educación (LOE). Deroga as Leis educativas anteriores e establece no seu Capitulo VI “Enseñanzas Artísticas”, Articulo 48 Organización, apartado 3 que “con independencia do establecido nos apartados anteriores poderán cursarse estudos de música ou danza que non conduzan a obtención de títulos con validez académica ou profesional en escolas específicas, con organización e estructura diferentes e sen limitación de idade. Estas escolas serán reguladas polas administracións educativas”.

A Orde do 11 de marzo de 1993 (DOG, 22 de abril de 1993), regula o desenvolvemento e define as finalidades, obxectivos, ensinanzas, e condicións para o funcionamento das escolas de música na Comunidade Autónoma de Galicia, sinala que estas deben adicarse a formación de afeccionados (ensino instrumental, música en grupo, ...). Recollese nesta Orde a especial responsabilidade das corporacións locais nesta materia.

Descubre a ETRAD

Todo folk

Últimas novas

Ver todos