Zanfona

Anxo Pintos

Anxo Pintos

Formación e percorrido

Currículo


Materias: Zanfona, Conxunto Instrumental, Práctica Orquestral, Sonorización e Gravación, Harmonización e Arranxos. Aula Aberta de Zanfona.

Anxo Pintos Músico multiistrumentista e compositor. Comezou os seus estudos musicais aos 8 anos, dacabalo do Conservatorio Superior de Música de Vigo, do seu pai Suso Pereira e do Obradorio de Instrumentos Musicais Populares Galegos que dirixía Antón Corral, chegando a incluir na nómina dos instrumentos que toca a gaita, zanfona, violín, saxo soprano e frauta de bico.

Cofundador do grupo de gaitas "Alfolíes", do Grupo Didáctico de Instrumentos Musicais Populares Galegos, da Banda de Gaitas "Xarabal", do grupo "Matto Congrio", co que gravou o seu único traballo en 1991. Fundador de Berrogüetto" en 1995 con quen gravou 5 discos: "Navicularia"(1996), "Viaxe por Urticaria" (1998), "HEPTA" (2001), "10.0" (2006) e "Kosmogonías"(2010). Fundou o trío "Lizgairo" xunto  a Rodrigo Romaní e Xosé Liz, gravando "Diacronías" en 2009.

Recibiu numerosos premios entre os que destacan o premio da crítica de Alemaña ao mellor álbum folk 1996 e 2001. Premio ao mellor grupo folk europeo (1997).  Unha nominación aos Grammy Latinos (2002). Premio Opinión ao mellor disco galego do ano con Berrogüetto (2002), Lizgairo (2009) e SondeSeu (2011). Premio da Academia á mellor canción en galego no ano 2011 con Berrogüetto. Premio da Música “Martín Códax” a mellor grupo folk 2013. Premio da Crítica de Galicia de música 2014. Premio Mestre Mateo 2014 á mellor banda sonora. Premio Andaina Senlleira de “La Opinión” 2015. Participa no CD "Sing Me Home" de Yo-Yo Ma e a Silk Road Ensemble que levou o GRAMMY a mellor disco de World Music do 2017.

Compositor de numerosas pezas instrumentais, algunhas delas forman parte do repertorio de  bandas tanto nacionais coma internacionais. Ten colaborado con músicos e grupos entre os que cabe citar a: Milladoiro, The Chieftains, Los Piratas, Rodrigo Romaní, Susana Seivane, Mercedes Peón, Uxía, Chouteira, Pilocha, Antón Seoane, Alfolíes, Sandeep Das, Wu Tong. Productor artístico de Riobó e Rústica (Cristina Pato, Davide Salvado, Roberto Comesaña e Anxo Pintos). En 2018 publícase Beiralúa, o último traballo da Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu no que aparece a súa obra San Martiño, unha suite de 15 min de duración. Durante este ano asina a música do espectáculo de danza Entresoños para a compañía de Fran Sieira.

Foi precursor á hora de elaborar e sistematizar unha técnica que permitira abranguer a aprendizaxe e interpretación na zanfona do repertorio tradicional galego. Froito deste traballo, é posible apreciar hoxendía a influencia da súa laboura á hora de entender este instrumento en Galicia. Foi mestre de zanfona durante once anos no Departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios Municipal de Vigo. Na actualidade é patrono da Fundación SondeSeu, e compatibiliza  o seu labor na ETRAD (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo) como mestre de zanfona, sonorización e gravación, harmonización e arranxos, Aula Aberta de Zanfona e community manager, co da direción da sección de zanfonas da Orquestra Folk de Galicia "SonDeSeu".

Esta web emprega cookies. Se continúas navegando entendemos que aceptas a nosa Política de cookies.